Rutas xeolóxicas no Courel



No extremo sureste da provincia de Lugo atópase a Serra do Courel, un lugar moi coñecido polos amantes da natureza e no que a xeoloxía xoga un papel salientable para entender a orixe e evolución desta serra. De seguido indícanse os lugares a visitar e algunhas das súas características xeolóxicas:

XEORUTA DO COUREL
Esta serra mostra un amplo e variado patrimonio xeolóxico, tal e como se pon de manifesto no proxecto de Xeoparque no que se está a traballar. Para poder coñecer e desfrutar mellor da súa xeoloxía plantéxase un percorrido de dous días no que se poderán ollar salientables pregues como o de Campodola, ou fallas, coma a de Santa Eufemia, resultado da deformación que afectou a Galicia fai máis de 350 millóns de anos. Pero tamén visitaranse lugares onde a actividade tectónica foi máis recente, como na cunca terciaria de Quiroga. Galicia non é terra de fósiles, pola contra nesta serra visitaremos algúns puntos onde aínda é posible ollar a vida que existiu no Devónico, naquel momento Galicia atopábase no hemisferio Sur e tiña un clima tropical. Do mesmo xeito Galicia tampouco é zona de calcarias, de novo o Courel é unha excepción, ata tal punto que se poden diferenciar ata 4 formacións carbonatadas diferentes, moitas delas serán obxecto da nosa visita para descubrir de primeira man a formación de covas, simas e outros elementos xeomorfolóxicos propios do karst. Pero tamén haberá tempo para visitar a salientable e variada minería romana e moderna que se atopa en distintos lugares do Courel. E para rematar non podemos esquecernos das pegadas deixadas polos glaciares nesta serra, visibles de xeito excepcional no val da Seara, onde tamén desfrutarase da fermosa fervenza do río Selmo.

Duración: 2 días   Distancia: 6 km   Dificultade: Baixa

Inscrición online: https://goo.gl/bqnN6p

Datas: consultar calendario (parte superior dereita do blog)
Prezo: 25€                                 Prazas: 25

Para cualquera cuestión: rutasxeoloxicasdegalicia@gmail.com ou por whatsapp no número 652 264 529