No extremo
sureste da provincia de Lugo atópase a Serra do Courel, un lugar moi coñecido
polos amantes da natureza e no que a xeoloxía xoga un papel salientable para
entender a orixe e evolución desta serra. De seguido indícanse os lugares a
visitar e algunhas das súas características xeolóxicas:
XEORUTA DO COUREL
Esta serra mostra un amplo e variado patrimonio xeolóxico, tal e como se pon
de manifesto no proxecto de Xeoparque no que se está a traballar. Para poder coñecer
e desfrutar mellor da súa xeoloxía plantéxase un percorrido de dous días no que
se poderán ollar salientables pregues como o de Campodola, ou fallas, coma a de
Santa Eufemia, resultado da deformación que afectou a Galicia fai máis de 350 millóns
de anos. Pero tamén visitaranse lugares onde a actividade tectónica foi máis
recente, como na cunca terciaria de Quiroga. Galicia non é terra de fósiles,
pola contra nesta serra visitaremos algúns puntos onde aínda é posible ollar a
vida que existiu no Devónico, naquel
momento Galicia atopábase no hemisferio Sur e tiña un clima tropical. Do mesmo
xeito Galicia tampouco é zona de calcarias, de novo o Courel é unha excepción,
ata tal punto que se poden diferenciar ata 4 formacións carbonatadas
diferentes, moitas delas serán obxecto da nosa visita para descubrir de
primeira man a formación de covas, simas e outros elementos xeomorfolóxicos propios
do karst. Pero tamén haberá tempo para visitar a salientable e variada minería romana
e moderna que se atopa en distintos lugares do Courel. E para rematar non
podemos esquecernos das pegadas deixadas polos glaciares nesta serra, visibles
de xeito excepcional no val da Seara, onde tamén desfrutarase da fermosa
fervenza do río Selmo.
Duración: 2 días Distancia: 6 km Dificultade: Baixa
Inscrición online: https://bit.ly/3wWCaL8
Datas: consultar calendario
(parte superior dereita do blog)
Prezo: 65€ Prazas: 20
Para cualquera cuestión: rutasxeoloxicasdegalicia@gmail.com
ou por whatsapp no número 652 264 529