Rutas xeolóxicas en Ribadeo

Versión en castellano

En colaboración co Concello de Ribadeo ponse en marcha o programa de xeorutas ou rutas xeolóxicas 2021. Ofértanse catro visitas guiadas:


XEORUTA DA RÍA 
A ría de Ribadeo, a pesares de seu pequeno tamaño, é unha das máis completas a nivel xeomorfolóxico de toda Galicia. Con esta ruta xeolóxica descubrirase a súa orixe e cal pode ser a súa evolución, así coma observar moitas das formas que xerou tanto a erosión mariña coma a fluvial. Na contorna de Illa Pancha poderase contemplar uns espectaculares micropregues, resultado da colisión entre dous supercontinentes fai máis de 300 millóns de anos, e tamén neste lugar observarase a presenza de rochas subvolcánicas, que se orixinaron a varios quilómetros de profundidade.

Duración: 3,5h. Distancia a pé: 6,5 km. Dificultade: Baixa 

Inscrición online:  https://bit.ly/3gaaRV5


XEORUTA DOS PREGUES 
As Enseadas da Vella e do Loureiro albergan un conxunto salientable de pregues, un deitado que se extende dende a Ría de Foz ata a Ría de Ribadeo, e outros, máis pequenos, en forma de “m”. En ámbolos dous casos foron xenerados durante o Palezoico Superior, fai máis de 300 millóns de anos. Como complemento da visita destaca a presenza de bos exemplos de erosión diferencial, entre lousas e cuarcitas; o rexistro xeolóxico do último máximo do nivel do mar, fai 120.000 anos; ou a formación de ollos e arcos rochosos.

Duración: 3h. Distancia a pé: 4 km. Dificultade: Baixa 

Inscrición online: http://bit.ly/2GBjTtt


XEORUTA DOS OLLOS 
Os “ollos” son uns dos diferentes elementos xeomorfolóxicos que forman parte da evolución dos cantís da zona oriental da costa lucense. Na contorna de Rinlo os ollos foron empregados como cetarias de marisco. Tanto nas lousas como nas cuarcitas atopanse moitas evidencia da intensa deformación ao que foron sometidas estas rochas, en forma de micropregues, fendas de extensión ou kink-bands. Do mesmo xeito desta a presenza de meteriais subvolcánicos a carón do porto.

Duración: 3h. Distancia a pé: 5 km. Dificultade: Baixa 

Inscrición online:  http://bit.ly/2YB4L5e



XEORUTA DOS ARCOS 
O litoral de Ribadeo alberga unha das marabillas xeolóxicas máis salientables que temos en Galicia, os arcos rochosos da praia das Catedrais. Con esta ruta xeolóxica poderase descubrir, paso a paso, o proceso que deu lugar a este incrible monumento natural, pero tamén a explicación a porque se concentra un número tan importante deles nesta praia. Do mesmo xeito este treito costeiro mostra moitos elementos xeomorfolóxicos (furnas, ollos, illotes, etc.) presentes na evolución destes cantis da Mariña lucense. No caso dos ollos, algúns deles foron empregadas na contorna de Rinlo como cetarias de marisco. A orixe e as características dos materiais que atopamos neste litoral serán outros dos temas que se abordaran nesta xeoruta.

Duración: 45 min. Distancia a pé: 1,5 km. Dificultade: Baixa 

Inscrición online: https://bit.ly/2PmTMu3

 

Datas: consultar calendario (parte superior dereita do blog) 
Prezo: de balde  (só as organizadas polo concello)                    Prazas: 20 

Para calquera cuestión: rutasxeoloxicasdegalicia@gmail.com ou por whatsapp no número 652 264 529