Compartindo co país veciño atópase un dos macizos graníticos máis impresionantes de Europa, a Serra do Xurés (Galicia) Peneda-Gerês (Portugal). Recoñecido polo seu alto valor ecolóxico é Reserva da Biosfera, parque natural en Galicia e parque nacional en Portugal. Pero dende o punto de vista xeolóxico é tamén un referente nas formas e no modelado das rochas graníticas. De seguido indícanse os lugares a visitar e algunhas das súas características xeolóxicas:
XEORUTA DO XURÉS
Esta ruta xeolóxica non só visitará a serra do Xurés, formada íntegramente por rochas magmáticas, senón que tamén haberá tempo para coñecer distintos lugares da Baixa Limia e Terras de Celanova. Na primeira xornada farase un percorrido cheo de formas acasteladas e penas cabaleiras que desafían á gravidade, alí tamén descubriranse diferentes tipos de granitoides e o porque da formación desa paisaxe e dos bolos graníticos. Un bolos graníticos que conviven con habitantes da Cela, pobo asentado en plena serra do Xurés. Estas montañas tamén foron obxecto da acción erosiva do xeo na derradeira glaciación, as súas pegadas aínda son visibles no val do río Vilameá, onde quedaron grandes moreas de rochas. Pero non só os glaciares modelaron este macizo rochoso, tamén o fixeron e o seguen facendo os ríos, que no caso do Fecha desenvolveu un fermoso conxunto de fervenzas a carón das termas de río Caldo. A presenza deste termalismo non deixa de ser unha evidencia de que no interior da Terra hai aínda calor suficiente para quentar auga. Na segunda xornada visitarase a serra do Quinxo, marxe norte da Baixa Limia, onde un pequeno percorrido pola contorna de Olelas faranos descubrir unha paisaxe granítica moi variada e chea de formas caprichosas. Dende esta zona tense tamén unha incríble vista panorámica dos cumios e vales estruturas que conforman a serra do Xurés. E para completar esta XeoRuta desprazarémonos ata os arredores de Celanova, onde existe un excepcional conxunto de rochas volcánicas e subvolcánicas froito da evolución dos magmas cara a superficie da Terra e como resultado atopamos en ocasións rochas cheas de cristais, algúns de gran tamaño.
Duración: 2 días Distancia: 15 km Dificultade: Media
Inscrición online: https://bit.ly/3NJrZAq
Datas: consultar calendario (parte superior dereita do blog)
Prezo: 65€ Prazas: 20
Para cualquera cuestión: rutasxeoloxicasdegalicia@gmail.com ou por whatsapp no número 652 264 529