Rutas xeolóxicas nos Ancares

Versión en castellano

Este paraíso natural das serras orientais galegas é ben coñecido polos seus emblemáticos cumios de case 2000 metros de altitude, que contrastan cos fondos vales das vertentes galega e leonesa. Pero sen dúbida alberga un rico e variado patrimonio xeolóxico que poderá descubrirse nesta actividade. De seguido indícanse os lugares a visitar e algunhas das súas características xeolóxicas:

XEORUTA DOS ANCARES
A ruta xeolóxica proposta permitirá percorrer boa parte desta serra lucense ó longo de dúas xornadas. Na primeira delas descubrirase a marabillosa paisaxe kárstica dos Grobos ou as pegadas deixadas polos romanos na súa incansable procura de ouro no río Navia. Tamén a carón dun río, pero neste caso o de Rao, visitarase o seu impoñente canon ou a incríble Pena de Murias, que poñerá de manifesto que todas as rochas non teñen a mesma resistencia. Ó longo dun pequeno percorrido polo val de Balouta atoparanse moitas evidencias da pegada do frío nestas montañas, e para rematar a xornada farase unha visita ao fermoso Porto de Ancares e ao pobo de Piornedo, onde de novo a pegada do xeo estará moi presente. Durante a segunda xornada comezarase ca visita ao val de Suarbol, afectado tamén polos glaciares da derradeira glaciación, despois farase unha pequena andaina ata o cumio máis alto dos Ancares, o Cuiña, cunhas vistas panorámicas envidiables. De seguido achegarémonos ata a contorna de Piornedo para descubrir unha rocha pouco habitual nesta parte de Galicia como é o granito ou a presenza de restos fósiles de máis de 450 millóns de anos de antigüidade. 

Duración: 2 días   Distancia: 10 km   Dificultade: Media

Inscrición online: https://bit.ly/3D4jgqr


Datas: consultar calendario (parte superior dereita do blog)
Prezo: 65€                                 Prazas: 20

Para cualquera cuestión: rutasxeoloxicasdegalicia@gmail.com ou por whatsapp no número 652 264 529